Por que unha nova lei do solo?

20:29 1 Comentarios

Hai algunhas semanas o Goberno Autonómico fixo público o borrador dunha nova lei do solo. O cambio máis substancial que promove o borrador é a flexibilización das condicións para permitir actividades construtivas ou extractivas en solo rústico. O solo rústico volve a ser “residual”, á espera de que actividades non agroforestais o poña en valor. Abandónase deste xeito o obxectivo principal da actual Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia, aprobada en 2002: a protección do solo rústico. Ata o momento o Goberno Autonómico non explicou (pois o borrador non conta cunha exposición de motivos) por que é necesaria unha cuarta lei do solo de Galicia que abandone os obxectivos da vixente. Algúns datos sobre o proceso urbanizador de Galicia nos últimos anos aínda fan máis incomprensible este cambio.

Segundo datos de Catastro, entre 2006 e 2013 a superficie urbanizable en Galicia aumentou en 24784,81 ha, mentres que a superficie de parcelas edificadas para o mesmo período só o fixo en 5437,83 ha. É dicir, a velocidade coa que os concellos clasificaron terreo como urbanizable quintuplicou a velocidade coa creceu a superficie edificada. Se supoñemos que a velocidade de crecemento da superficie urbana vai seguir sendo a mesma que no período 2006-2013, é dicir, unhas 700 ha/ano, entón necesitarianse case catro décadas para que Galicia construíse todo o que ten clasificado como urbanizable. Aínda que a velocidade de construción fose a do período do boom inmobiliario, entre 2000-2006, cando en España se consumían, segundo datos do Observatorio da Sostibilidade, 3,37 ha/hora (o que significa que Galicia estaría contribuíndo en proporción á súa poboación nunhas 0,20 ha/hora), Galicia necesitaría construír durante 15 anos, as 24 horas do día, para chegar a edificar toda a superficie que ten clasificada como urbanizable [1]. Toda esta cantidade de solo urbanizable clasificouse coa lei máis proteccionista que ten tido a comunidade autónoma. Por que esto non é suficiente? Por que se necesita máis?

O goberno autonómico debería explicar por que esta nova lei que pretende aprobar vai favorecer a Galicia e por que a lei vixente a está prexudicando. Estas explicacións son imprescindibles para formalizar un debate social en torno ó borrador.

[1] Os do Observatorio da Sostibilidade correspóndense con superficie que se artificializa, a cal non corresponde soamente a edificación, senón tamén a infraestruturas, canteiras, embalses, etc.

1 comentario:

  1. Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.

    ResponderEliminar