Terra, xente e ideas para un agro con futuro

Estase falando do sector agrario galego, en concreto dun dos seus principais piares, o lácteo. Tristemente, debido á crise de prezos do leite. É agora cando se fala da estrutura do sector, da súa competitividade, da organización da cadea dende os produtores ata a gran distribución, pasando pola industria. Fálase do marco comunitario, dos mercados globais, das responsabilidades duns e doutros. Como se non houbese sector lácteo antes, nin sector agrario, e como se ambos non fosen estratéxicos e fundamentais, xa antes, para o país, a súa economía, emprego e territorio. Antes estaba todo ben?
A agricultura galega transformouse dramaticamente no último medio século. Dise que se modernizou, basicamente con tres procesos paralelos. Unha mecanización intensa, coa que o número de tractores se multiplicou por cento oitenta –oito tractores máis ó día nos últimos 50 anos!-; unha forte intensificación para á que, por exemplo, necesitamos hoxe cinco veces máis fertilizantes nitroxenados e, finalmente, unha clara especialización gandeira, sobre todo no vacún de leite, que aumentou un 400% e xa supón arredor dun tercio da produción final agraria galega. Polo camiño perdéronse o 93% das persoas ocupadas na agricultura, que os economistas chaman, convencidos, a substitución de man de obra por capital e, en paralelo, deixaron de traballarse en Galicia oitenta e oito mil hectáreas de labradío e de pacerse unhas seiscentas mil de pastos.
Todo iso para un incremento do valor da produción de pouco máis do dobre. Non parece unha gran colleita para semellante catarse. Ese relativo baixo incremento do valor débese a que producimos máis, pero necesitamos moitos máis insumos que antes para facelo. Entón, especializámonos moito e substituímos terra e xente por tractores, adubos e pensos. En parte foinos ben, pero agora é momento de repensar os fundamentos dese cambio para encarar o futuro con garantías. A alternativa non pinta ben.
Lembremos que o cerne da agricultura é, sempre, a terra e quen a traballa. Que ademais deberá dispoñer do coñecemento e tecnoloxías máis avanzadas, ollo, de acordo ás condicións biofísicas, organizativas e estruturais de cada territorio. É dicir, non serve importar ou copiar trevellos e modelos doutras latitudes; poden funcionar ben aló e seren nefastos aquí. Diso deberíamos ter aprendido algo.
Poderemos ter un sector agrario produtivo e sostible se o centramos na terra, nas persoas e na innovación apropiada.
Na terra, sendo conscientes de que o solo de boa aptitude agraria é un recurso escaso e estratéxico e que hai que protexelo con determinación e visión de futuro. Non só por ser a base do sector agrogandeiro senón como condición indispensable para garantir a sostibilidade do país dende un punto de vista económico, social e ambiental. Tendo en conta as tendencias, cunha perda do 15% da superficie agraria útil nos últimos 20 anos, esta é unha tarefa que non podemos adiar máis.
Nas persoas, sabendo que o descenso no número de agricultores non é, como ás veces aínda se di, unha condición necesaria para a axeitada re-estruturación do sector nin tampouco un signo de desenvolvemento do país. Esa é unha visión rancia e miope. Ninguén considera a Francia, Alemaña ou Italia países atrasados, e teñen un 2% máis de agricultores por kilómetro cadrado que Galicia. Non por iso deixan de ser as principais economías europeas e, atención, tamén as principais potencias agrarias.
É imprescindible potenciar a incorporación á agricultura de persoas coas capacidades axeitadas. Repensemos as políticas de re-emprazo xeneracional. As actuais subvencións para investimentos non solucionan obstáculos clave. Apoiemos novos modelos de negocio, facilitemos a entrada a persoas que, vindo doutros ámbitos laborais, vexan na agricultura un futuro real –o re-emprazo do propio sector non chega-; impulsemos novos xeitos de organización –hai moitas formas de agricultura posibles e tipos de agricultor viables- e, sobre todo, parece mentira que haxa que dicilo, melloremos a capacitación tanto técnica como de xestión e o espíritu innovador. E todo iso esixe acompañamento e estruturas de transferencia, formación e innovación que, na actualidade, van a menos en lugar de ir a máis. Tremendo.
Na innovación, nas ideas. Diversifiquemos en producións e nas súas liñas de negocio. A quen lle sona iso de que o sector lácteo galego ten que producir algo máis que leite líquido?. E Galicia pode e debe ser algo máis que unha potencia leiteira –no top10 europeo, por certo-. Apliquemos ou desenvolvamos tecnoloxías e técnicas acaídas ás nosas condicións, sen perder de vista a cales das demandas globais podemos respostar mellor. Por exemplo, onde mellor que en Galicia se pode apostar por producións singulares de calidade diferencial?.  Podemos pensar novas formas de organizarnos que melloren as condicións de traballo, que faciliten o intercambio de coñecementos, que potencien a aparición de sinerxías e, en definitiva, que creen un auténtico sector con conciencia de seu.
Para isto, só as palabras, como estas, non fan nada, nin aínda que vaian no DOG.

Artigo publicado o 26/07/2015 no Faro de Vigo

0 comentarios: